xoves, 23 de abril de 2009

Día do Libro no CEIP RECIMIL

Hoxe, celebrouse o Día do Libro no noso cole "Recimil" (xa me afixen ao novo nome). Os rapaces e rapazas de cada aula escolleron un libro e representárono nunha cartolina con texto e ilustración. Todos eles, acompañados dos seus mestres/as, reuníronse no patio para compartir eses libros: informaron do título e autor e leron ou recitaron contos, cancións ou fragmentos dese libro. Todas esas cartolinas pegáronse en papel laranxa para ter un grande mural que estará exposto na parede exterior da actual biblioteca.
Estou encantado de ver que vos gustan os libros tanto como me gustan a min.

Entrega do Premio da Biblioteca Máxica!

Hoxe, Carmen Martín fixo entrega do premio á Inés (5º B) como gañadora do 1º concurso da Biblioteca Máxica. E como podedes comprobar nas fotos, recibiu como agasallo un libro. Canto me gustan os libros!

Novos aportes, 22-04-2009

Hoxe tráiovos un totum revolutum de distintos aportes que aínda non puxera no blogue, por novos ou por vellos. Comezo:

O paxariño é dunha profe moi querida polos nenos e tamén por min,
chamada María. O "Lalo" ímolo inmortalizar na Biblioteca Máxica.

As baleas, en realidade son un regalo que me fixeron os nenos de Cuca un día moi especial para min, e como sempre Cuca e os seus nenos tan, pero que tan doces e cariñosos comigo en todo... A que son preciosas? E viñan co seu océano particular, téñoas en casa no baño para que estean preto da auga, como elas queren.

O texto é de Belén, de 5ºB, e o dragón de Óscar, tamén de 5ºB

Os debuxos dos ananos, de Edgar, do mesmo grupo. Como son moitos seguramente só poderei poñer algún deles. En realidade xa estaban feitos con anterioridade -non eran para a Biblioteca Máxica- pero como Edgar é tan traballador, algo poñeremos.

De A Biblioteca Máxica, 2009_04_23




mércores, 22 de abril de 2009

Visita de Ánxela Loureiro

Os meus parabéns para Inés, a gañadora do 1º concurso da Biblioteca Máxica.
E na actual biblioteca, atopei as fotos da visita de Ánxela Loureiro. E parece que foi moi divertido!! Gustaríame recibir os vosos comentarios sobre a visita. Quen se anima?
Estas son as fotos:

Xa sabemos quen durmía na Biblioteca Máxica

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgtcw-6VCZUkzfzQaFaw39UdUzHj4qzTQRTDjDo83BQgNsCcV4dTYQwvP6ErczbCNgAhUBeYO_L3-eCGKyQFYf29_yPdIfrAX0PG1IogaDjT90lQX7FK6S1gDiO8XpU-SSmMhrHs2jVJ4U/
Xa hai unha gañadora para o primeiro concurso da Biblioteca Máxica. Inés Sixto, de 5º B adiviñou quen durmía na Biblioteca. Mañá, ás 11,30 da mañá, no recreo, recibirá de mans de Carmen Martín o premio do concurso, que por suposto é de arte, e é un libro.

Tendo en conta que estamos na celebración do día do libro, e o propio tema da Biblioteca Máxica, non cabía outro agasallo mellor.

Non vos desanimedes por non gañar esta vez. Haberá moitas máis ocasións! Estade atentos a este blogue de Zongalo Quirico!

Un grande saúdo a Ánxela Loureiro, que hoxe veu polo cole para falar de que Ota quere voar.

luns, 20 de abril de 2009

Ota quere voar

Este é o título dun libro que os alumnos/as de 3º están a ler.
O próximo mércores 22 de abril, contaremos coa visita da súa autora, Ánxela Loureiro.
E os nenos/as de 3ºB fixeron uns debuxos da protagonista da historia, que a súa titora me deixou na biblioteca e que agora podedes ver neste blog.
Espero que vos gusten tanto como me gustaron a min ... e que vos animedes a deixarme os vosos traballos.
Por certo, cal será a resposta á pregunta que nos propoñen desde a Biblioteca Máxica? Non sei, non sei...

Unha grande aperta de Zongalo Quirico.
Posted by Picasa
E se as queres ver unha a unha:



venres, 17 de abril de 2009

Comezan os CONCURSOS da Biblioteca Máxica!

Aproveito, antes de comezar, para contarvos que está xenial pintar no mural durante as horas do cole porque como previramos, os que me ven pintando sobre a andaimada día tras día implícanse moitísimo máis. E os nenos máis que ninguén. Estimúlame coñecer aos que observan o mural e cambia o modo de traballar. Aínda que quizá é unha manía mía, afeita ao contacto coa xente cando fago o de Pintura en Acción...

En fin, pero vou xa ao asunto. Por favor, redobre de tambores!


Convócase un
CONCURSO

para todo o mundo: nenos, profes, pais...
para toda a xente que pasa por diante do mural.

É moi sinxelo. Se atopas o que che vou dicir no mural,
gañarás un premio, que xa diremos. Aí vai a pregunta:

Quen dorme dentro da biblioteca?

Se pensas que acertaches, ven até a Biblioteca Máxica
 e dime onde o viches.
Ou se prefires, cóntamo por correo electrónico
neste enderezo.